To search the Library catalogue use the catalogue search page.
St. Patrick’s Close, Dublin 8, Ireland.
A primeira biblioteca pública de Irlanda
A Biblioteca Marsh, construída en 1701 polo arcebispo Narcissus Marsh (1638-1713), é a primeira biblioteca pública de Irlanda e unha das máis antigas nestas illas. Foi proxectada por Sir William Robinson, o mesmo arquitecto do Royal Hospital Kilmainham.
O interior da biblioteca, cos seus fermosos andeis de carballo escuro, cada un con hastiais tallados e inscritos, coroados por unha mitra, e coas tres elegantes alcobas cercadas de arame ou ‘gaiolas’ onde pechaban os lectores que querían consultar libros raros, permanece inalterado desde que foi construído hai trescentos anos. É un magnífico exemplo dunha biblioteca de erudito do século dezasete. Orixinalmente, moitos dos libros estaban encadeados. Cada libro tiña unha pequena fibela metálica suxeita a unha cadea, no extremo da cal habÌa unha argola que esvaraba ó longo dunha vara suxeita a cada andel.
En 1707 o parlamento irlandés aprobou unha lei titulada ‘Lei para Establecer e Preservar unha Biblioteca Pública para sempre’. Asignaronlles a administración da biblioteca ós Gobernadores e Gardiáns, que eran os arcebispos anglicanos de Armagh e de Dublín, os deáns das catedrais de St. Patrick e de Christ Church, o rector de Trinity College e outros catro gobernadores ex oficio, os cargos dos cales se extinguiron coa instauración do Estado en 1922. Un destes era o Chanceler Maior, e recentemente o goberno irlandés, a pedimento dos gobernadores, nomeou por lei o Presidente do Tribunal Supremo para ser gobernador. Desde 1997 o goberno nomeou dúas persoas para o consello. Os gobernadores e gardiáns nomean un curador e un vicecurador, e na actualidade desempeñan estes cargos Muriel McCarthy, M.A., LL.D. e o Reverendo C.R.J. Bradley, M.A.
Hai catro coleccións principais, que consisten en 25.000 libros relativos ós séculos XVI, XVII e comezos do XVIII. Como se pode supoñer, hai unha gran colección de obras litúrxicas, misais, breviarios, libros de horas, biblias impresas en case tódalas linguas, moita teoloxía e polémica relixiosa. Pero estes coleccionistas eran homes de gusto pola erudición, e o alcance dos temas é sorprendentemente amplo e variado. En tódalas coleccións hai libros de medicina, dereito, ciencia, viaxes, navegación, matemática, música, topografía e literatura clásica. Resérvase unha sala á parte para libros e publicacións periódicas sobre historia irlandesa, impresos nos últimos cen anos.
A colección máis importante é a biblioteca de Edward Stillingfleet (1635-1699), que foi bispo de Worcester. En 1705 Narcissus Marsh pagou (2.500 por esta biblioteca de case 10.000 volumes. Contén libros impresos por algúns dos primeiros tipógrafos ingleses: Berthelet, Daye, Fawkes, Notary, Pynson, Siberch, Wolfe e Wynkyn de Worde. Un salterio impreso por Richard Pynson en Londres en 1524 ten apegado no interior da cuberta unha indulxencia emitida por Thomas Wolsey e o cardeal Campeggio solicitando fondos para a catedral de Hereford. Atópase na súa encadernación orixinal gravada e decorada coa rosa dos Tudor e con follas de videira.
O arcebispo Marsh deixou tódolos seus libros á biblioteca, agás a súa gran colección de manuscritos orientais, que deixou á biblioteca Bodleian. Tiña particular interese pola ciencia, matemática e música, e moitos dos seus libros de matemática presentan extensas anotacións súas. Marsh coleccionou tamén libros en lingua hebrea, árabe, turca e rusa, sendo estes últimos exemplos raros e interesantes das primeiras impresións rusas. Nun libro hebreo, impreso en Italia en 1491, Marsh escribiu hai case trescentos anos: ‘Liber rarissimus’ (libro rarísimo).
O doutor Elias Bouhéreau, un refuxiado hugonote que fuxira de Francia en 1685, foi o primeiro bibliotecario. Os seus libros, que lle deixou á biblioteca, refírense á teoloxía e controversia protestantes, e á universidade de Saumur, onde estudiara. Hai belísimos exemplos das primeiras impresións europeas continentais. Un exemplar de ‘Le Rommant de la Rose’, impreso en París por Galliot du Pre, atópase na súa encadernación orixinal.
John Stearne (1660-1745), bispo de Clogher, legoulle os seus libros á Biblioteca Marsh en 1745. Esta colección é semellante ás outras, pero entre os libros que contén figura o máis antigo e un dos máis fermosos libros da biblioteca, ‘As Cartas ós Amigos’ (‘Epistolae ad Familiares’) de Cicerón, impreso en Milán en 1472.
Ademais destas catro coleccións hai na biblioteca arredor de trescentos manuscritos. O máis importante é un volume escrito en latín sobre as vidas dos santos irlandeses que data aproximadamente de 1400. Hai un procesionario que no século XV pertencía á igrexa de San Xoán Evanxelista de Dublín. Contén unha peza importante de drama medieval, a Visita ó Sepulcro, do ritual da Semana Santa.
O arcebispo Marsh foi responsable dos preparativos para imprimir a traducción ó irlandés do Antigo Testamento do bispo Bedell; publicouse por primeira vez en Londres en 1685 coa axuda e o estÌmulo do gran científico Robert Boyle. Dous volumes da traducción orixinal de Bedell están na biblioteca, o terceiro volume e os libros apócrifos están na biblioteca da universidade de Cambridge.
Entre os manuscritos de música inclúense libros de cancións para varias voces do século XVII e un libro de exquisita música cifrada para laúde que data da última parte do século XVI. Un pequeno libro de poesía isabelina contén un poema de Sir Walter Raleigh á raíña Isabel I. Tamén hai manuscritos coleccionados ou compilados por Dudley Loftus, a maioría referentes a Irlanda.
Como deán da catedral de St. Patrick, Jonathan Swift foi gobernador da biblioteca e ocupouse das visitas anuais durante moitos anos. Na ‘Historia da Rebelión’ de Clarendon hai extensas anotacións súas, principalmente referencias insultantes ós escoceses polo papel que xogaron na rebelión.
Traducción: Martín Veiga Alonso
Luns: 10.00 - 13.00; 14.00 - 17.00
Martes: Pechado todo o día.
Mércores, Xoves e Venres: 10.00 - 13.00; 14.00 - 17.00
Sábado: 10.30 - 13.00
Domingo: Pechado todo o día.
Teléfono e Fax : 4543511
Email: keeper@marshlibrary.ie